UN CADERNO DO CAMIÑO · GALICIA

De Baionaa Redondela.

Pontes que gardan historias. Pazos entre árbores. O Atlántico, sempre preto. Percorre os lugares que fan especial esta parte do Camiño.

5 zonas · 20 paradas · Camino Portugués por la Costa

Panorámica de Baiona desde Monterreal
Panorámica de Baiona desde Monterreal · Xosema · CC BY-SA 4.0Imaxe redimensionada e encadrada

Segue a liña. Descubre o camiño.

Capítulo 01

Baiona

Casco histórico. O Camiño cruza a vila e sae pola Rúa do Conde.

Fachada barroca da capela de Santa Liberata en Baiona
Zarateman · CC0
  1. 01

    Capela de Santa Liberata

    Está no casco de Baiona, a un paso da Rúa do Conde, por onde o Camiño Portugués pola Costa sae cara á Ramallosa. Convén mitala antes de deixar a vila: as dúas torres vense desde a calzada.

    Historia e detalles

    Erguida entre 1695 e 1709 por iniciativa popular. Entre as súas dúas torres, unha fornela coa santa crucificada e os escudos do Reino de Galicia e da vila. Dentro garda unha reliquia, un óso do brazo, traída de Sigüenza en 1689. A súa festa é o 20 de xullo.

    Coñecer esta parada ↗
  2. 02

    Hospital Sancti Spiritus

    Queda no centro de Baiona, no mesmo tramo urbano que Santa Liberata. O soportal de granito e tella é o rastro visible de cando aquí se acollía a quen ía a Santiago.

    Soportal de granito e tellado de tella do antigo Hospital Sancti Spiritus, hoxe Casa da Cultura de Baiona
    Historia e detalles

    Hospital de peregrinos do século XV, un dos albergues xacobeos máis antigos da costa. Hoxe é a Casa da Cultura, pero na fachada seguen a placa do «Hospital de Caridad» e o medallón do Espírito Santo que lle deu nome.

    Coñecer esta parada ↗
  3. 03

    Fonte do Pombal

    Non está na praza maior: hai que buscala ao saír de Baiona cara á Ramallosa, pegada ao Camiño Real. O cano segue servindo para beber.

    Historia e detalles

    Fonte-pozo de cara a 1560, de trazas góticas, agochada baixo un arco no muro da Casa de Cristo Rei, en O Cruceiro Novo (Santa Cristina da Ramallosa). Na fronte hai tres escudos: as armas da Casa Real do XVI, o da vila de Baiona e un terceiro xa ilexible. Detrás, un lavadoiro de tres metros. A guía oficial do Camiño sitúaa a 1,8 km do núcleo de Baiona, sobre o Camiño Real.

    Coñecer esta parada ↗

Capítulo 02

A Ramallosa

O paso do río Miñor: fronteira entre Baiona e Nigrán e comezo da marisma.

Calzada da ponte medieval da Ramallosa sobre a marisma do Miñor
Lameiro · CC BY-SA 4.0
  1. 04

    Cruceiro da Ramallosa

    Crúzao si ou si: o cruceiro está cravado no medio da ponte. Para quen vén de Baiona é o sinal de que acaba de entrar en Nigrán.

    Cruceiro de granito coa figura de San Telmo no centro da ponte da Ramallosa
    Historia e detalles

    No medio da ponte, co seu peto de ánimas e a imaxe de San Telmo, patrón dos navegantes. Conta a tradición que foi el quen mandou reconstruír a ponte onde obrara un milagre. Aos seus pés, unha mesa de pedra onde se celebraban ritos de fecundidade.

    Coñecer esta parada ↗
  2. 05

    Ponte da Ramallosa

    Dez arcos e noventa metros. O Camiño entra en Nigrán por esta calzada, non pola ponte nova de ao lado. Na punta norte, a vieira de Villaverde confirma que vas ben.

    Historia e detalles

    Noventa metros e dez arcos de granito sobre o río Miñor. Tardorrománico do século XIII, reconstruído cara a 1232 sendo San Telmo bispo de Tui, probablemente sobre a vía romana XX Per loca maritima. Os peregrinos seguen entrando en Nigrán por aquí, como sempre. No extremo norte, unha vieira tallada polo escultor nigranés José Antonio Villaverde.

    Coñecer esta parada ↗
  3. 06Datos por confirmar

    Antigo hospital de peregrinos

    A catrocentos metros da ponte, xa en Nigrán. Se necesitas cama antes de Priegue, a hospedaría do pazo segue reservando para peregrinos.

    Fachada de granito do pazo de As Pías en Nigrán, con palmeira e escudo nobiliario
    Historia e detalles

    O vao do Miñor concentrou durante séculos a acollida de quen cruzaba camiño de Santiago. Esa función segue viva a catrocentos metros da ponte, na hospedaría do pazo de As Pías, do século XVII, que hoxe reserva cuartos para peregrinos.

    Coñecer esta parada ↗
  4. 07

    Escultura da peregrina

    Na Alameda da Ramallosa, nada máis cruzar a ponte. É bo sitio para sentar un minuto e mirar a foz antes de seguir cara a Mallón.

    Historia e detalles

    Bronce de 2,30 metros na Alameda, obra de José Molares, veciño da Ramallosa e autor do Julio Verne de Vigo. Representa unha peregrina en plena travesía, con bastón e mochila. Unha placa aos seus pés convida a parar a mirar a Foz do Miñor e a lembrar que o Camiño tamén se fai por dentro.

    Coñecer esta parada ↗

Capítulo 03

Nigrán e Priegue

Pazos, cruceiros e a subida ao monte de Sanromán, a última costa seria antes de Vigo. Aquí estamos nós.

Igrexa parroquial de San Mamede de Priegue, Nigrán, coa súa espadana de tres corpos
HombreDHojalata · CC BY-SA 2.0
  1. 08

    Cruceiro de Mallón

    Entre A Ramallosa e os pazos. O cruceiro marca o paso pola aldea de Mallón, entre muros de pedra e hórreos, antes de chegar a Urzáiz.

    Historia e detalles

    Un dos dous cruceiros que a guía oficial do Camiño destaca ao paso por Nigrán, xunto co do Pereiro. Marca a ruta entre hórreos, muros de pedra e arquitectura popular.

    Coñecer esta parada ↗
  2. 09

    Pazo de Urzáiz

    Vese desde o Camiño, coa súa torre ameada e a escaleira ao xardín. Non se visita por dentro de paso: abonda con recoñecelo. Ben de Interese Cultural desde 2006.

    Pazo de Urzáiz visto desde o seu xardín, con balaustrada de pedra, escalinata e torre ameada
    Historia e detalles

    Tamén chamado pazo de Cadaval, é un dos máis notables da provincia. Xa existía no século XIV e é Ben de Interese Cultural desde 2006. Reparte pola casa os escudos dos Cadaval, Figueroa, Ozores, Montenegro, Ceta, Correa e Urzaiz.

    Coñecer esta parada ↗
  3. 10

    Pazo de Cea

    Último pazo do tramo chan. A partir de aquí o Camiño pica cara ao monte de Sanromán; se queres parar a comer, Berratola queda un pouco máis adiante, en Priegue.

    Pazo de Cea entre laranxeiras e prado, co monte ao fondo
    Historia e detalles

    Do século XVI e tamén Ben de Interese Cultural, con portalón e capela propia. Xunto co de Urzáiz pecha o tramo chan: a partir de aquí comeza a subida a Sanromán.

    Coñecer esta parada ↗
  4. 11

    Cruceiro do Pereiro

    Xa no contorno de Priegue, co monte ás costas. É o segundo cruceiro que nomea a guía da Xunta en Nigrán, despois do de Mallón.

    Historia e detalles

    O segundo cruceiro que sinala a guía oficial en Nigrán, xa no contorno de Priegue e co monte ás costas.

    Coñecer esta parada ↗
  5. 12

    Banco de Paco

    En Priegue, un pouco antes de chegar a nós. Froita, banco, selo para a credencial e libretiña. Non está nas guías antigas: montouno un veciño. Se pasas a primeira hora, deixa o sitio como o atopaches.

    Historia e detalles

    Paco Alonso, veciño de Priegue, comezou deixando unha cesta con froita da súa finca para os que pasaban. Ao ver que se sentaban no chan a comela, puxo un banco. Hoxe hai mesa, papeleira, carteis cos quilómetros que faltan a Santiago, unha libreta de dedicatorias, van pola terceira, e selo para a credencial, agasallo de cinco peregrinas catalás. É a parada máis fotografada do tramo.

    Coñecer esta parada ↗
  6. 13
    Fachada de Berratola coas contraventás abertas e o mostrador á vista

    A TÚA PAUSA NO CAMIÑO

    Berratola

    Mira a carta, elixe a túa recollida e recupera forzas en Priegue.

  7. 14Datos por confirmar

    Capela de San Pío

    Se preguntas por Berratola, esta é a referencia: a capela de enfronte. Non sae nas guías e por iso a xente do pobo úsaa para orientar.

    Historia e detalles

    Xusto enfronte da nosa porta. Capela de barrio, das que xalonan o Camiño sen saír en ningunha guía, e a referencia que damos a quen nos pregunta onde estamos.

    Coñecer esta parada ↗
  8. 15Datos por confirmar

    Cruceiro das Rexas

    Ao saír de Priegue cara ao termo de Vigo. Se o ves, Berratola xa quedou atrás: estás no tramo que baixa despois a Samil.

    Historia e detalles

    Outro cruceiro de granito á beira do camiño, xa saíndo de Priegue cara ao termo de Vigo.

    Coñecer esta parada ↗
  9. 16Datos por confirmar

    Fonte do Peregrino

    A pé de ruta, xa saíndo de Priegue. Última auga doada antes do tramo urbano de Vigo: reenche aquí se non o fixeches en Berratola.

    Historia e detalles

    Fonte a pé de ruta, das que levan séculos resolvendo a sede de quen vai andando. Bo sitio para reencher antes do tramo urbano.

    Coñecer esta parada ↗

Capítulo 04

Vigo

O Camiño baixa ao mar en Samil e entra na cidade máis grande de Galicia.

Praia de Samil en Vigo, co areal en curva e o monte ao fondo
Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga) · CC BY-SA 4.0
  1. 17

    Carreiro dos Muíños

    A baixada a Samil é o pórtico de Vigo. Desde a praia, sobe polo paseo do Lagares: evitas a estrada e chegas a Coruxo con menos asfalto.

    Praia de Samil con barcas de madeira varadas na area e o paseo ao fondo
    Historia e detalles

    O camiño dos muíños baixa ata a praia de Samil, o pórtico de Vigo, coas Cíes ao fondo. Desde alí, a mellor maneira de entrar na cidade é remontar o paseo fluvial do río Lagares en vez de pelexar co tráfico.

    Coñecer esta parada ↗
  2. 18

    Igrexa de San Salvador de Coruxo

    Tras Samil, o Camiño pasa ao lado. Os tres ábsidas vense desde o adro; o cruceiro de 1641 está diante. É a parada románica da etapa antes de entrar no centro.

    Ábsidas románicas da igrexa de San Salvador de Coruxo cun cruceiro en primeiro plano
    Historia e detalles

    Templo do século XII, mosteiro bieito dependente de Celanova ata o XIV e parroquia desde entón. Conserva os tres ábsidas semicirculares románicos, capiteis figurados e os canzorros orixinais: con Castrelos e Bembrive, é un dos tres mellores románicos de Vigo. Ao lado, un cruceiro e unha fonte vella.

    Coñecer esta parada ↗
  3. 19

    Concatedral de Santa María

    No casco de Vigo, praza da Igrexa. O Camiño urbano pasa á súa beira. Se selo a credencial na cidade, adoita ser aquí ou no albergue.

    Fachada neoclásica da concatedral de Santa María de Vigo, coas dúas torres e a porta aberta
    Historia e detalles

    A Colexiata, que comparte coa catedral de Tui a sede da diocese. A anterior quedou arruinada ao estoupar un polvorín do Castro en 1809; Melchor de Prado asinou a nova en 1811 e construíuse entre 1816 e 1838. É o mellor neoclásico de Galicia, con dúas torres barrocas como única concesión. Dentro está o Cristo da Vitoria.

    Coñecer esta parada ↗

Capítulo 05

Redondela

Onde a ruta da costa se xunta co Camiño Portugués do interior.

Fachada da igrexa de Santiago de Redondela con torre e rosetón
Jordi Gili · CC BY-SA 4.0
  1. 20

    Igrexa de Santiago de Redondela

    No máis alto do casco. Aquí xúntanse a variante da costa, a nosa, e o Camiño Portugués do interior. A partir de Redondela, un só camiño cara a Pontevedra.

    Historia e detalles

    Consagrouna o arcebispo Xelmírez en 1114, aínda que do románico orixinal case non queda nada: o que se ve é dos séculos XV e XVI, coa torre barroca engadida en 1712. Está no máis alto do casco histórico, con fachada austera, rosetón e un Santiago Matamouros enriba. Que estea dedicada ao Apóstolo non é casualidade: aquí conflúen as dúas variantes do Camiño Portugués.

    Coñecer esta parada ↗

O camiño continúa.

E cando pases por Priegue, aquí tes un lugar onde parar.